Categorías
Seguros

O QUE CORRE POLO MURO NON DA PASO SEGURO

O mundo dos seguros sempre me chamou moito a atención. Non só como disciplina legal diferenciada, senón tamén como segmento económico sometido ás inescrutables normas actuariais, e incluso como fenómeno antropolóxico de fonda raigame na sociedade do benestar que proclama valores coma a certidume e a previsión.

Desde o preceptivo seguro de responsabilidad civil de vehículos de motor, ata o seguro de fogar, pasando polo lucrativo seguro de decesos ou o (tristemente) cada vez máis común seguro médico. Non hai individuo/empresa que non destine unha considerable partida presupuestaria a facer frente ás recurrentes primas das distintas pólizas que imos comprometendo cos suxeitos que se encargan da súa promoción.

Axentes, intermediarios, corredorías, bancos, e por suposto, familiares ou amigos que se embarcan neste saturado negocio e que recorren a nós intuitivamente para encetar a súa carteira de clientes (existe moita litixiosidad no tocante á extinción dos contratos entre compañías e axentes polo que non descarto escribir algo sobre este tema no futuro).

Para os máis avezados coas novas tecnoloxías, están os famosos comparadores en liña que tamén operan en sectores coma as viaxes ou o aloxamento e que desde un punto de vista legal resultan interesantísimos por todas as implicacións (competencia, propiedade intelectual, etc.) que se derivan do seu rol de intermediarios de internet.

¿Pero qué acontece cando hai un sinistro e o seguro se fai cargo dos danos sufridos polo asegurado? Pois que normalmente entra en xogo a denominada acción subrogatoria do artigo 43 LCS que habilita á compañía aseguradora a accionar contra o causante do dano e recuperar así as sumas abonadas en concepto de indemnización. Dado que este precepto solamente permite exercitar este tipo de acción contra terceiros axenos á persona/entidade asegurada, non é raro que en situacións nas que o tomador do seguro e un ente sen personalidade xurídica (sinaladamente unha comunidade de propietarios), o orixinador dos danos intente eludir a súa responsabilidade cuestionando a lexitimación pasiva para sopotar a demanda.

Este foi precisamente o suposto resolto pola Sala Primeira do Tribunal Supremo antes do parón estival mediante a Sentenza que achego a continuación: https://www.poderjudicial.es/search/AN/openDocument/44b885b475120ec4a0a8778d75e36f0d/20220727

Como é de ver, o responsable dos danos en cuestión, o propietario dunha motocicleta que ardera no garaxe do seu edificio de forma máis ou menos espontánea, provocando danos nas zonas comúns e noutros vehículos alí aparcados,  pretendía eludir a súa responabilidade esgrimindo ausencia do requisito da alteridade. Sostiña o demandado (e a compañía que tiña asegurada a moto que comparecía en calidade de codemandada) que, como membro da comunidade de propieatarios asegurada (como se sabe sin personalidade xurídica propia) que contribúe ó pagamento da prima coa parte alícuota que aporta como comuneiro, non era un terceiro axeno ó contrato de seguro senón máis ben parte asegurada carente de lexitimación pasiva para responder da acción entablada contra él (e o seu seguro).

Sen embargo, aspecto fundamental non é a configuración legal da comunidade (que por outra banda goza de fondos propios para afrontar as súas deudas con independencia de que carezca de personalidade xurídica), senón o contido da póliza, especialmente o obxeto asegurado, de sorte que os propietarios resultan asegurados únicamente cando os seus bens privativos forman parte da cobertura do seguro (no presente suposto un seguro multirrisco que incluia os incendios).

E dado que os danos que se reclamaban no procedemento afectaban exclusivamente ás zonas comúns (instalación eléctrica, pintura e forxado dos teitos, porta, etc.) e nada tiñan que ver coa praza de aparcamento privativa do demandado, non é posible calificar a este último como asegurado senón como terceiro responsable susceptible, polo tanto, de responder frente á acción subrogatoria do artigo 43 LCS plantexada contra él pola aseguradora da comunidade de propietarios á que pertence.

Francelos, 1 de setembro de 2022

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Categorías
Propiedade horizontal

O QUE É COMÚN NON É DE NINGÚN

O refraneiro galego é amplo e variado. Eu ás veces invoco o refrán do título cando constato o pouco agarimo dalgunhas personas polos espacios públicos e os entornos naturais. Hoxe non é o caso. Non veño denunciar o emporcamento de ríos e camiños, falta de coidado co mobiliario urbano e outras lindezas do estilo. Hoxe quería chamar a atención sobre unha Sentencia dictada polo Tribunal Supremo a finales do ano pasado (máis concretamente o 22 de decembro pasado).

O asunto xira sobre a lexitimación (ad causam) da actora (propietaria dun piso) para demandar a unha veciña que alterara certas zonas comúns sen a preceptiva autorización da comunidade de propietarios. En concreto, a persoa demandada cerrara a súa terraza cunha instalación de PVC e quitara o muro que separaba a terraza dunha estancia contigua.

A pesar de que a Sentencia de primeira instancia estimou parcialmente a demanda (acordando a reposición do muro pero mantendo o cerramento da terraza que se entendía autorizado tácitamente porque otros veciños fixeran algo parecido), a Sentencia de apelación apreciou falta de lexitimación de actora para accionar no nome da comunidade, dado que as obras realizadas ningún perxuízo lle causan a ela nin á comunidade.

Sen embargo, para o Tribunal Supremo sí que concurre lexitimación dende o momento en que a demandante actúa en beneficio dunha comunidade que non chegou a consentir unha actuación (demolición do tantas veces mencionado muro) que, de conformidade co artigo 7 LPH, requería da autorización da xunta de condóminos (o parecer a demandada tentou introducir este punto sen éxito no orde do día de varias reunións).

De sorte que finalmente revócase a Sentencia de apelación que se sustitúe pola de primeira instancia, confirmada en todo os extremos (reposición do muro de separación e mantemento do cerramento da terraza que se entende autorizado de forma tácita).

No seguinte enlace https://www.poderjudicial.es/search/AN/openDocument/cad422f66be21856/20220117 pódese consultar unha Sentencia que igual lle da folgos a algún comuneiro para defender o interés (superior) da comunidade e, de paso, cuestionar a vixencia do refrán que lle dá título a este post.

Francelos, 26 de xaneiro de 2022