Categorías
Lingua galega

Embargos agarimosos

As malas novas hai que dalas con xeito. Non o digo eu. Teno dito o TSX de Galicia. En concreto, nunha resolución de 4 de abril de 2022 que acolle o recurso dun contribuínte que se queixaba da teima de Facenda por lle comunicar providencias e embargos en castelán, a pesares da vontade do embargado de recibir as notificacións da Axencia Tributaria en galego.  A Sentenza en cuestión está na seguinte ligazón do Cendoj: https://www.poderjudicial.es/search/AN/openDocument/b1f196765252873d/20220520

Non sei o que pensades pero, polo menos a min, resúltame moito máis levadeiro que me trasladen o bloqueo da conta bancaria coa delicadeza e o tento da lingua galega. Chamádeme romántico.

Ademáis, a lexislación é clara, tanto o artigo 15.1 da LPCAP como o artigo 34.1 da LXT recoñecen o dereito dos obrigados tributarios residentes en Galicia a se entender con Facenda no idioma galego. No caso enxuiciado polo TSX, o contribuínte xa empregara o galego cando fixera a autoliquidación do imposto (IRPF) na fase previa ó embargo, e tamén presentara o correspondente escrito interesando que lle mandaran as resolucións en galego.

Polo tanto a única solución axustada a dereito é a que adoptou o Tribunal, declarando a nulidade dos actos impugnados e a retroacción das actuacións ao
momento anterior á notificación da providencia de constrinximento.

Agora haberá que ver o galego que vai empregar Facenda (agardemos que non tire de Google translator) pero esa é outra batalla que teremos que afrontar noutro momento. Polo de agora, a prioridade é saber se existe conformidade coa Sentenza ou se se vai interpoñer recurso perante o TS. Xa veremos.

Francelos, 23 de xuño de 2022