Categorías
Dereito sucesorio

USO E ABUSO

Xa tiña gañas de encetar a temática sucesoria neste blog. Non deixa de ser unha área do dereito na que, antes ou despois, todo xurista se ten que adentrar, ben sexa como implicado directo (a título de herdeiro ou legatario), ou asesorando e representando intereses alleos. Dado que xa vou tendo uns aniños, téñome aproximado ao fascinante mundo das herdanzas desde os dous prismas, como interesado e como avogado, tanto na Galiza (que conta coa regulación propia recollida na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia), coma noutros territorios do estado.

Hoxe en concreto imos abordar a relación entre o usufructo viudal e a lexítima dos descendentes no marco dun recurso de casación resolto polo TSXG mediante Sentenza de data 25 de xaneiro do 2023. O enlace da resolución é o seguinte: https://www.poderjudicial.es/search/AN/openDocument/d7b4d1947b636dcfa0a8778d75e36f0d/20230208 

O recurso de casación foi plantexado pola actora que formulara na súa demanda dúas pretensións principáis, a saber, (i) que o demandado (coherdeiro) realizara un inventario do caudal hereditario e, en base a dito inventario, (ii) abonara a cuota lexitimaria que lle correspondía a citada demandante. O Xulgado de primeira instancia de Mondoñedo estimou a demanda pero a Audiencia Provincial de Lugo revogou este pronunciamento porque entendeu que a existencia dun usufructo viudal (a favor do cónxuxe supérstite) que gravaba a totalidade da herdanza impedía a liquidación da cuota hereditaria da actora.

En sede de casación o TSXG volveu a asumir o criterio da primeira instancia constatando a total compatibilidade entre a institución do usufructo viudal do que goza o cónxuxe que sobrevive (que recae no uso e disfrute dun ben ou dereito) e a lexítima (que recae na nuda propiedade). Non en vano, o artigo 243 LDCG establece que a lexítima dos descendentes constitúe a cuarta parte do valor do haber hereditario, non a cuarta parte dos bens en sí. De aí que se poida abonar a lexítima con diñeiro extrahereditario, tal e como recolle o artigo 248 LDCG. Estamos ante un dereito de crédito que pode coexistir co dereito real do usufructuario viudal.

Neste senso, o artigo 252 LDCG (que establece un prazo de prescripción de 15 anos para a reclamación da lexítima) redunda na tese anterior, pois se fora precisa agardar a que se extinga o usufructo para a satisfacción da lexítima, estaríamos incurrindo nun risco certo de extemporariedade que non resulta lóxico nin aceptable.

En síntese apretada, os descendentes poden recibir a léxitima dos seus ascendentes aínda que os ben e dereitos que conforman a citada cuota lexitimaria estén sometidos ó usufructo que lle corresponde o viuvo non falecido.

Barcia, a  8 de marzo de 2023

 

 

 

 

 

Categorías
Dereito civil galego

RELACIÓNS DE VECIÑANZA

Nun territorio coma o noso caracterizado pola minifundismo máis exacerbado, non é raro que veciños colindantes rematen no Xuzgado para dirimir quén é o dono dun palmo de terreno.

O dereito civil galego, nomeadamente a Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2006/20060629/Anuncio129CE_gl.html procura solucións a certas situacións de veciñanza mediante a regulación de institutos como a gabia, o resío ou a venela.

No marco da constante búsqueda xurisprudencial na que me acho por imperativo da nosa sagrada profesión, esta mañá atopei unha sentencia da Audiencia Provincial de Pontevedra (sede de Vigo) relativamente recente (28 de xaneiro de 2021) que aborda a problemática dos muros de carga en leiras estremeiras situadas a distinto nivel ou socalco (circunstancia por outra banda bastante habitual nalgunhas zonas do noso país).

En concreto, aquí a demandante aspiraba a superar a presunción legal do artigo 75. 1 da Lei de Dereito Civil de Galicia que dispón que (salvo proba en contrario) estos muros forman  parte do predio situado no plano superior (o que leva aparexada a obriga de atender as reparacións correspondentes).

A este fin, invocou unha serie de probas e circunstancias que baixo o seu punto de vista indicaban que se trataba dun muro medianil. Entre outros aspectos, destacaba que fora ela a que asumira a reparación do muro, o que interpretaba coma un recoñecemento tácito pola parte demandada de que este elemento era de natureza común.

Desafortunadamente para a actora, a Sala conferiulle máis peso a outras evidencias/indicios coma o testemuño dos propietarios doutros predios veciños, a colocación no muro dun contador eléctrico pola demandada, ou o tenor literal dos títulos de propiedade dos respectivos predios, xa que solamente o do demandado facía alusión expresa ó valado litixioso.

O único consolo para actora foi que non houbo condena en custas por apreciar o Xuzgado serias dúbidas de feito na resolución da contenda. Convídovos a ler a resolución que para deleite dos lectores está dispoñible en galego!! na seguinte ligazón: https://www.poderjudicial.es/search/AN/openDocument/de17ceb5c98b601d/20210415

Francelos, 16 de marzo de 2022